A exposición Expresións de Bea Blanco e Xaçobe Pérez despídese do Multiusos da Xunqueira cunha Jam Session aberta ao público. Os artistas farán unha última intervención o día 30 de decembro xunto cos músicos redondeláns Javier Congo e DJ Vimol. O peche da mostra incluirá ademáis un sorteo dalgunhas das láminas que durante o último mes se puideron ver neste espazo do Multiúsos
O Colectivo Sinha Paca, organizador da exposición, convida a toda a veciñanza a achegarse a este acto de clausura así como a propia mostra que durante as últimas semanas amosou os traballos dos artistas locais Bea Blanco e Xaçobe Pérez.
Ambos artistas dedícanse ao hiperrealismo dentro do arte figurativo e deron os seus primeiros pasos co mestre redondelá Suso Ben, para logo continuar unha longa carreira premiada internacionalmente.
Bea Blanco comezou de forma autodidacta e céntrase no retrato intimista e expresivo. A pesar de entrar dentro do hiperrealismo, a súa intención é sempre aportar personalidade e sentimento ó cadro, porque “para facer unha copia da realidade xa existe a fotografía”. As súas técnicas son moi variadas, utilizando texturas e materiais diversos cos que golpea e transforma a imaxe.
Xaçobe Pérez fai da súa obra unha especie de diario no que recolle as persoas e cidades que vai coñecendo. Na mostra pódese ver a súa evolución e, como Blanco, fuxe do fotorrealismo clásico. Durante a exposición mostrou o proceso creativo dun retrato no que traballa con pintura fosforescente.
Javier Congo e DJ Vimol serán os encargados do acto de clausura este venres a partir das 18:00 horas. Unha Jam session á que se poderán sumar todos os que o desexen e que amenizará un evento no que os artistas plásticos pintarán en directo.
Ademais, tamén haberá un sorteo de 4 láminas dos cadros mellor valorados polo público e máis representativos dos artistas.