A redondelá Uxía Vila e o vigués Iago López son dous biólogos que no seu tempo libre dedícanse a crear contido audiovisual en redes socias na conta Fe de Ratos. Veñen de gañar o concurso Mergullándonos no TikTok do Concello de Bueu o que lles impulsou a seguir participando en distintos certames da mesma plataforma.
Na actualidade a plataforma de Tik Tok está afondando na cultura galega. O hashtag #tiktokengalego medra cada día e acumula millóns de visualizacións. Existe un colectivo nesta rede de galego falantes moi importante entre os que destacan as contas @meermelada, @fatimapego86, @leidataberna e, por suposto, os redondelás @federatos e @rodrimiguez.
Os vídeos de Fe de Ratos destacan polo ton cómico e as referencias pop. O seu proceso creativo comeza cun guión inspirado no que ven na súa contorna para despois mesturalo coas súas propias influencias e darlle personalidade. Para eles é moi importante promover o patrimonio e o comercio minorista, polo que os escenarios adoitan ser exteriores. Sempre están protagonizado polo personaxe de Uxía que describen como “unha persoa galega cos defectos da súa xeración” .
En novembro presentáronse ao certame Galetiktokers, organizado polos departamentos de Mocidade e Normalización Lingüística de Ames, no que quedaron finalistas. Agora mesmo atópanse mergullados na realización dun vídeo de nadal para o certame #Bueutenpremio que pretende premiar as mellores propostas audiovisuais que poñan en valor a decoración dos establecementos comerciais e, doutra banda, a dos espazos públicos e fogares.
Tanto Uxía como Iago creen que un concurso similar no Concello de Redondela tería moito éxito e descubriríamos mozos e mozas creativos con ganas de amosar a súa propia perspectiva da vila.
Podedes atopar o seu traballo tanto en Tik Tok coa conta @federatos como en Instagram a través de @federatos_ .