Carla Abad é unha deportista redondelá dedicada ao balonmán dende que ten memoria. Comezou de nena na canteira da SAR, e xa en categoría absoluta militou na elite do balonmán en equipos como o Guardés. Logo de graduarse en Ciencias da Actividade Física, agora traballa como adestradora en varios equipos galegos e tamén forma parte do corpo técnico da Federación Galega de Balonmán como Secretaria Xeral.
Acompañou a Galicia no Campionato Español de Seleccións Territoriais 2023 no que a selección galega infantil masculina e cadete feminina conseguiron o título de Subcampións de España. Alí puido apoiar ás 7 deportistas de Redondela que competían en distinta categorías. Concretamente participaron 6 mozas da SAR nas categorías infantil, cadete e xuvenil e un mozo do club Balonmán Chapela na categoría infantil masculina.
O seu papel, ademais de coordinar o evento e traballar na loxística, tamén foi o de axudar aos membros do equipo e animalos nos bos e malos momentos. Para ela, tanto o cadete feminino como o infantil masculino “son verdadeiros campións de España”, polo esforzo e ganas que puxeron durante a competición.
A pesar de perder as dúas finais, a experiencia é o máis importante neste tipo de eventos. Alí xuntáronse máis de 3.000 persoas entre xogadores e corpo técnico e tiveron a oportunidade de xogar contra os mellores equipos de toda España. Non hai que esquecer que tamén serve de escaparate, pois a selección española conta con observadores de tódalas categorías para tomar nota dos deportistas con maior rendemento.
Para a técnica, Redondela é un municipio pioneiro dentro do mundo do balonmán no que se está facendo moi bo traballo e que espera “siga crecendo e gozando do deporte”. O CESA 2024 será en Barcelona e alí, tamén teremos representación.