Un total de 616 cans atoparon un fogar ao longo do ano pasado. O Centro de Acollida de acollida e Protección de Animais (CAAN) da Deputación, a onde se derivan os animais abandonados en concellos como o de Redondela, pechou así o ano pasado logrando o seu segundo mellor rexistro histórico. O centro reduciu tamén o número de recollidas, un total de 1.187 fronte ás 1.210 de 2021. Máis da metade dos animais puideron ser devoltos ás persoas propietarias
Por segundo ano consecutivo, o Centro superou a simbólica e espectacular cifra das 600 adopcións. O 2022 converteuse así no segundo mellor ano da historia do centro, cun total de 616 animais que atoparon un novo fogar na provincia, en Galicia e mesmo noutros territorios do Estado e do estranxeiro. Son só 44 cans e cadelas por debaixo do récord acadado no 2021, en que foran 660 as adopcións. A institución provincial destaca así mesmo no balance do pasado ano a redución, aínda que leve, das recollidas de animais, 1.187 fronte ás 1.210 do 2021, así como a incorporación doutros dous concellos, Oia e Salceda de Caselas, ao servizo que presta o CAAN as 24 horas dos 365 días do ano para facer fronte ao abandono animal na provincia.
Das adopcións acadadas no 2022, 4 foron no estranxeiro (2 en Alemaña e 2 en Suíza) e o resto en España, a maioría en Galicia (535), seguidas de Castela e León (53) e Asturias (14), Madrid (5), Andalucía (1), Canarias (1), Murcia (1), Comunidade Valenciana (1) e Castela A Mancha (1). No que se refire a Galicia, 459 foron na provincia de Pontevedra, 25 na Coruña, 45 en Lugo e 6 en Ourense. O Concello con máis adopcións foi Vigo (76), seguido de Pontevedra (42) e Gondomar (35), e hai que destacar tamén as rexistradas en Sanxenxo (22), Meis (19), Poio (16), Meaño (16) ou Vilagarcía, Marín, A Estrada, con 14.
Outro dos datos a destacar no 2022 é que se puido dar saída aos animais que máis tempo levaban no CAAN, que alberga nestes momentos a preto de 250 cans e cadelas. Na actualidade, só hai un can (“Pasalo”, de 8 anos e que fora recollido en Sanxenxo) que permaneza no centro desde o 2020 e o resto dos veteranos levan desde o 2021. En canto aos de maior idade, saíu “Puri”, que con 11 anos era a avoa do centro e agora sucédelle “Ponta”, de 9 anos, unha sabuesa recollida en novembro en Pontecesures e que busca unha familia coa que vivir. Neste senso, a Deputación e o
CAAN agradecen a labor que están a facer moitos colaboradores e colaboradoras para axudar a dar saída a estes avós e avoas, así como, por suposto, ás persoas que están a adoptar a estes animais, que a priori teñen máis problemas para atopar un fogar.