A Concellería de ensino de Soutomaior organiza un curso de 30 horas de duración de linguaxe de signos orientado a maiores de 16 anos. O prazo de inscrición remata o vindeiro 21 de febreiro e o curso comezará o 2 de marzo con clases os martes e xoves en horario de 18:00 a 20:00 horas no Multiúsos de Arcade.
Orientado a calquera persoas que teña interese en aprender a Lingua de Signos como segunda lingua, os participantes aprenderán a establecer contactos sociais elementais e tomarán conciencia das características culturais da comunidade de persoas xordas.
Establécense catro grupos de contidos: contidos pragmáticos, contidos gramaticais, contidos léxicos e contidos socioculturais o que se traducirá en que unha vez rematado o curso as persoas participantes contarán cun repertorio léxico relacionado con datos persoais e situacións concretas, serán quen de producir frases sinxelas e recoñecerán e comprenderán vocabulario sobre aspectos da vida cotiá.