Reclaman que se inclúa no proxecto de reforma un tramo de 300 metros dende a baixada a Arealonga ata as Catro Pontes.
O anuncio da Xunta de Galiza das obras de mellora da estrada de titularidade autonómica PO-323 dende o límite entre os concellos de Redondela e Vigo ata o instituto de Teis, foron recibidas con sorpresa dende a organización nacionalista ao quedar fóra da actuación un treito de trescentos metros na avenida de Redondela. Dende o Bloque esixen que ese tramo sexa incluído no proxecto.
O voceiro nacionalista, Xoán Carlos González demanda unha inmediata rectificación por parte da Delegación Territorial incluíndo as modificacións necesarias para garantir a seguridade viaria dunha zona que a cotío sufre o paso de milleiros de vehículos e onde recentemente se producía un sinistro de gravidade.
Considera que a Xunta debe ter en conta que realizando unicamente o Proxecto presentado discriminaríase ao espazo máis poboado entre Redondela e Vigo polo que instan á Xunta “a modificar o Proxecto de reforma da PO-323 para que se inclúa a avenida de Redondela en Chapela dende a baixada á praia de Arealonga ata o límite con Vigo nas Catro Pontes. Entende que ademais da mellora nas beirarrúas habería que incluír renovación de abastecemento de auga, saneamento, alumeado público, arborado, “xunto a medidas de redución da velocidade e calmado de tráfico”.