Acusan ao goberno local de non “facer nada” e denuncian que a apertura de expedientes administrativos contra a actual concesionaria Os Ventos so serven para que a empresa “gañe tempo” xa que durante o percorrido administrativo de ditos expediente “o servizo segue a precarizarse e o único fin que van ter é a imposición dunha sanción económica”. Convocan unha concentración ás portas do concello este mércores ás 12:00 horas
Insisten dende a CUT que a solución pasa por “rescatar o servizo, cousa que legalmente pode facer” e acusan a Digna Rivas de non querer facelo “porque iso supón ter que asumir e xestionar o servizo, e ela prefire que o fagan outros para non ter que asumir responsabilidades e críticas”.
Críticas do PP
Mentres, dende o PP acusan á alcaldesa de “falta de vontade” para rescindir a concesión do SAF tras reunirse este luns con Digna Rivas. Aseguran os populares que a postura é “aínda máis sorprendente” considerando que “ningunha das formulacións que expuxemos foi descartada polos técnicos municipais, quen confirmaron que os mesmos se axustan á legalidade e que sería posible polos en marcha para terminar con este gravísimo problema”.
A proposta do PP pasa pola tramitación de emerxencia da rescisión do contrato en vigor coa actual concesionaria, algo que PSOE nega que se poida facer e que os populares manteñen que si sería posible tal e como se recolle na documentación que lle trasladaron ao concello.