Hoxe é Luns 16 de Setembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

As Sarillas traballan na organización dun torneo internacional de veteranas en Redondela

Sarillas en Sevilla

Un dos obxectivos das Sarillas é buscar apoios suficientes para poder celebrar un torneo de cara a este verán. Precisan de patrocinadores locais para poder costear os gastos que supón un campionato de este nivel, pero entenden que pode facerse realidade grazas a acollida e axuda que lles brindan os equipos de veteranas do resto de España.

As Sarillas, o equipo de veteranas da SAR BM, levan 11 anos xogando e crecendo en número. Comezaron sendo 15 e agora mesmo atópanse en 21. Case ningunha tiña experiencia previa no balonmán e foron aprendendo, entre outras cousas, grazas ao apoio das adestradoras da SAR e o equipo de Prata feminino que se ofrece a xogar con elas. Adestran dúas veces por semana e aínda que non xogan habitualmente, pola falta de equipos da súa categoría en Galicia, participan de media en 3 torneos anuais.

A fin de semana do 24 ao 26 de febreiro participaron no Internacional Balonmano Femenino Masters de Sevilla. Desprazáronse ata a provincia andaluza para xogar contra equipos de toda España, así como Portugal, Italia, Alemaña ou Budapest. Ángela Alonso, unha das xogadoras máis lonxevas do equipo, explica que cando comezaron non esperaban ter tanta acollida a nivel nacional e internacional e que se senten moi arroupadas polos grupos de veteranas doutras comunidades. Sen ir máis lonxe, despois do torneo en Sevilla están invitadas aos torneos de Asturias e Valladolid deste ano.

Todas coinciden en que o espírito que se respira nas concentracións é de amabilidade, ilusión e ganas de compartir experiencias. Os resultados dos partidos non son o importante, aínda que adestran para poder estar ao nivel porque o resto de equipos de España están compostos por xogadoras con moito percorrido no balonmán.

A intención das Sarillas e poder invitar aos clubes españois a Redondela, pois entenden que o impacto pode ser moi positivo para o municipio. A Sevilla levaron parte da historia redondelá entregando unha Coca de Sargadelos como agasallo e explicando a lenda. “Agradecemos o apoio do Concello de Redondela por facilitarnos os agasallos, banderíns e camisetas para poder representar ao municipio”.

Agora o obxectivo é conseguir os fondos suficientes para celebrar un torneo en Redondela. Necesitan patrocinadores e a axuda da administración local para conseguir as horas do pavillón, pero tamén para ofrecer unha grata experiencia ás invitadas. Sobre todo, gustaríalles poder levalas á Illa de San Simón e que coñezan a historia de Redondela.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará