Eliminar as imposicións na vestimenta forma parte da loita feminista
“Pseudónimo, falso nome; pseudónimo, falso home” é o título da sección que se emitirá na Radio Municipal ao longo de todo o mes de Marzo da man da profesora Almudena Suárez Cerviño. Un espazo que quere reivindicar a todas esas mulleres que tiveron que agochar a súa identidade detrás dun nome masculino para publicar os seus traballos, acceder á universidade, fuxir de imposicións sociais ou desenvolver a súa labor científica e profesional. Mulleres que a historia deixou silenciadas e cuxos traballos moitas veces foron usurpados por homes.
Unha sección que quere recuperar do esquecemento o nome de mulleres que tras agocharse baixo pseudónimos masculinos desapareceron da historia. Co obxecto de visibilizar a todas esas mulleres que tiveron que ocultar a súa identidade para “ir a escola, estudar unha carreira ou ver publicados os seus escritos”. Unha situación que padeceron moitas mulleres que deixaron pegada na historia en campos moi diversos, xa que hai dende matemáticas, a escritoras, científicas, mulleres soldado, pasando por veterinarias e médicas ou incluso a que será a primeira das protagonistas, Hatshepsut, raiña-faraona en Exipto. Nomes que en moitos casos foron borrados tras a súa morte e que comezaron a recuperarse no século XX co rexurdir do feminismo.
Logo dun traballo de investigación e de comprobación de datos, Suárez Cerviño achega a Radio Municipal un percorrido histórico que arrancará este mesmo mércores e que se desenvolverá ao longo de todo o mes de Marzo.