O Concello de Redondela inaugura o domingo 5 de marzo o Centro Cultural de Quintela, unha obra realizada nos terreos cedidos por ADIF e que foron licitadas cun importe de 423.635,22 €. A actuación realizada permitiu transformar unha zona infrautilizada nun lugar máis amable, gañando un novo espazo público con parque infantil, zona de esparexemento e encontro para facer todas as actividades que precise a veciñanza.
Os traballos, adxudicados á empresa Rocas Graníticas del Condado, S.L., remataron hai 4 meses, pero debido a un atraso na instalación do subministro eléctrico a inauguración do centro tivo que ser adiada. Finalmente a inauguración será este domingo, cunha festa popular que inclúe a actuación dos grupos o Carballo das Cen Polas ás 11.45 horas e Gure Terra ás 12.30. Pola tarde a proposta infantil correrá a cargo de Uxía Lambona cun concerto ás 17.00 horas e pechará a xornada o grupo Tanto nos Ten ás 18.45. Convocan tamén un xantar popular no que compre reserva nos teléfono 678685317-615955654.
A alcaldesa, Digna Rivas lembra que “este proxecto, que fora adxudicado polo anterior Goberno do PP poucos días antes das eleccións municipais de 2019, non puido realizarse por diversas irregularidades detectadas, que provocaron a renuncia da empresa adxudicataria que advertía da dubidosa execución da mesma”. O novo goberno tivo que “avanzar nun novo proxecto para dar resposta a unha vella aspiración da veciñanza de Quintela, que carecía dun espazo adecuado para a realización das súas actividades sociais, culturais e veciñais”.
Os traballos de recuperación e posta en valor da zona teñen o fin de converte as instalacións no centro neurálxico da parroquia e que cumpra a función de punto de encontro para a vida cultural da veciñanza. Os terreos cedidos por ADIF-AV atopábanse en estado de deterioro polo que foi preciso o adecentamento da zona na súa totalidade con xabre. A continuación nivelouse e cubriuse con material terroso axeitado para o crecemento do céspede previsto. O parque infantil renovouse e inclúe espazo biosaudable, instalación de xogos e o peche de madeira. O interior do inmoble conta con sala de xuntas, sala de reunións, oficinas e zonas de recreo amobladas polo Concello.
Dende o goberno local agradecen a colaboración das asociación parroquiais en todo este proceso “sobre todo á Asociación Cultural de Quintela pola súa disposición e colaboración co Concello”.