O edificio foi rehabilitado en dúas fases, financiadas a través dun convenio de colaboración coa Xunta de Galicia, e contou cun investimento superior aos 97.000 euros. Os traballos permitiron a substitución e mellora da eficiencia enerxética da cuberta e incluíu actuacións non interior en carpintaría, illamento, alumeado e fontanaría.
O Concello de Pazos de Borbén puxo en servizo o novo edificio multiusos municipal na antiga Praza de Abastos de Moscoso. O vicepresidente da Xunta de Galicia, Diego Calvo, e a directora Xeral de Administración Local, Natalia Prieto, participaron no acto de inauguración xunto ao alcalde, Andrés Igrexas, e varios membros do goberno local. “Con esta actuación protexemos o futuro dun edificio de alto valor histórico, social e sentimental. Un tradicional lugar de encontro diario para moitas xeracións de veciños de Moscoso” explicou o alcalde da localidade Andrés Iglesias.
A reforma da antiga Praza de Abastos levouse a cabo en dúas fases. A primeira centrouse na recuperación da cuberta do edificio que resultou danada gravemente durante o inverno de 2021 de maneira que comprometía a seguridade estrutural do inmoble. Para evitar a súa posible caída e o colapso total do edificio, inutilizando ademais o resto de traballos de rehabilitación levados a cabo no interior do inmoble, o Concello solicitou a axuda urxente da Xunta de Galicia, que financiou o 100% dos traballos a través do Fondo de Compensación Ambiental.
A actuación contou cun orzamento de 97.000 euros que foron financiados a través do convenio de colaboración asinado coa Vicepresidencia Primeira da Xunta de Galicia.
Ao acto de inauguración asistiron representantes de colectivos do municipio que poderán facer uso do local como a Sociedade Deportiva Pazos de Borbén Futsal, a Unión Deportiva Nespereira, a asociación de pensionistas, a casa do maior A Lavandeira, a asociación de veciños de Xunqueiras ou a sociedade cultural e recreativa de Moscoso.