A imaxe cedida polo Obradoiro Fernando Monroy de Cesantes forma parte da exposición
Redeiras, mariscadoras, traballadoras das conserveiras, peixeiras, ostreiras, bateeiras, apañadoras de angazo, percebeiras… o traballo da muller no mundo do mar está presente en numerosas actividades onde son elas as protagonista. Así se pon de manifesto a través das imaxes da exposición “O mar tamén ten mulleres”, unha mostra itinerante posta en marcha polo Grupo de Acción Local do sector pesqueiro Ría de Vigo – A Guarda que estes días se pode visitar no segundo andar da praza de Abastos.
Unha exposición que busca visibilizar o traballo das mulleres galegas que dedicaron a súa vida ás tarefas do mar. Así, as fotografías desta instalación constitúen unha crónica da vida nas comunidades pesqueiras ao longo do século XX e axúdannos a contar a historia completa, incluíndo a de aquelas que realizaron labores non remuneradas e que compaxinaron o coidado das familias co mantemento dos aparellos de pesca ou o restrelo dos areais. Esta é unha mostra de mulleres que fixeron e fan equilibrios coa patela na cabeza, contada a través de fotografías analóxicas de diversas autorías, tomadas ao longo de 100 anos e 130 quilómetros de costa atlántica.
Unha mostra que chega a Redondela da man da Asociación de Empresarios xunto ao Concello. Durante todo o mes de marzo a exposición, seguindo o seu espírito itinerante, ábrese a poder ser acollida por calquera establecemento da localidade que cumpra un requisitos mínimos de espazo e condicións de conservación, de xeito que se poderá ver en calquera lugar de forma inesperada. Ata o día 8 permanecerá no segundo andar da praza de Abastos e será visitable no horario de apertura da Praza.