Aseguran os populares que a alcaldesa de Redondela “converte o 8M nun acto autopublicitario mentres reduce dereitos e oportunidades das mulleres”. Neste sentido aseguran que en 4 anos de xestión “ten recortado recursos en formación, axudas, protección, integración laboral e igualdade”.
A popular Sandra Bastos acusa á alcaldesa de desmantelar o Consello da Muller “que nestes anos ten quedado relegado a un triste acto sen apenas asistencia” e de “desprezar todas as ideas e iniciativas que o Partido Popular ten presentado”.
Apunta tamén que a xestión do goberno socialista supuxo un empeoramento da situación das mulleres reducindo as opcións de formación para facilitar a súa inserción laboral ou “eliminando os programas de conciliación de Semana Santa”.
Bastos engade que tamén nestes anos se teñen visto prexudicadas as vítimas da violencia machista “sen atención xurídica durante os 8 meses nos que o centro de atención á muller careceu de avogada”.
En referencia a programación do 8M asegura que “carece de contido e que trata só dun acto electoral”. A alcaldesa, engade “pronunciará un discurso baleiro de contido, elaborado a súa medida, que só a representa a ela e non ao resto de veciñas de Redondela”
Por este motivo adiantan que os concelleiros e concelleiras do PP acudirán este mércores á lectura do manifesto, que terá lugar ás 12:00 horas na praza do Concello, “só como un acto de cortesía institucional”.