A charla, organizada pola Asemblea pola sanidade pública de Redondela, terá lugar este xoves 23 ás 20:00 horas no Multiúsos do Piñeiral e na mesma intervirán o médico de atención primaria no centro de saúde da parroquia, Juan Manuel Sánchez Lastres, o médico representante de SOS Sanidade-Vigo, Manuel González Moreira e Leonor Estévez Álvarez, médico de urxencias do 061 en Vigo. Unha actividade que precede á manifestación que terá lugar o xoves da vindeira semana e na que confían que toda a veciñanza saía a rúa para reclamar que se deteña o desmantelamento da sanidade pública.
O debate deste xoves xirará en torno aos principais problemas que presenta a sanidade pública e que “non afecta exclusivamente aos centros de saúde de Chapela ou Redondela, senón que responden a un problema estrutural que afecta a toda Galicia”.
Problemas como as longas listas de espera e que no caso das demoras nas probas diagnósticas impide a detección de certas enfermidades para o seu tratamento temperá, o peche dos centros de atención Primaria, falta de prazas e a continúa rotación do persoal sanitario que segundo a Plataforma ten como obxectivo reducir o gasto e investimento na sanidade pública, o colapso nas urxencias, a substitución da atención presencial pola chamadas telefónicas, a escaseza de investimentos, a precariedade laboral dos profesionais da saúde e un longo etcétera que explican “conforman todo o conxunto de consecuencias xeradas polas políticas de recortes provocando a paulatina privatización coa intención de acabar co noso sistema público de saúde”.
Convidan a veciñanza a achegarse a esta charla coloquio que conta coa participación de profesionais sanitarios para explicar en profundidade a realidade do noso sistema sanitario e que será o acto previo a unha manifestación que se desenvolverá o xoves da vindeira semana, o 30 de marzo.