O Multiúsos da Xunqueira acolle este xoves 23 ás 19:00 horas unha charla informativa para animar á veciñanza a que se sumen a un proxecto de horta comunitaria que arrancou a finais do pasado ano nuns terreos cedidos polos veciños e que se atopan na estrada do Muro (a tan só 8 minutos andando dende o centro da vila). A iniciativa da Fundación Formavigo está orientada a toda a poboación en xeral e particularmente ás persoas que están desempregadas.
O obxectivo da proposta é que os participantes conten cun espazo de encontro e convivencia, no que ademais poidan cultivar os seus propios alimentos dun xeito ecolóxico, aforrando na cesta da compra ao cultivar toda unha serie de hortalizas e verduras para alimentarse ao longo de todo o ano. Este proxecto é aberto a que participen máis persoas tanto persoas colaboradoras como xente que queira cultivar.
Enmarcado no proxecto “vivir co rural” este tipo de hortas comunitarias xa está funcionando en cidades como Pontevedra con moi bo resultado e chega agora ao noso co obxectivo de que a poboación poida xestionar a terra e cultural de forma comunitaria alimentos sans e nutritivos. Supón ademais un espazo de encontro e de intercambio entre a poboación.
A finca está camiñando a 8 minutos do centro na estrada do Muro. A cita será este xoves ás 19:00 h no Multiúsos da Xunqueira. Este proxecto é posible grazas ao apoio e financiamento da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia e o Concello de Redondela.