A parcela que ocupaba esta nave industrial anexa ao convento, duns 4.000 metros cadrados, está agora cuberta de cascallos logo dunha semana intensa na que as grúas traballaron arreo para derrubar o edificio. No solar está previsto crear un estacionamento disuasorio gatuíto, cunhas 100 prazas de parquing. A actuación que se vai desenvolver na zona terá tamén un impacto medioambiental positivo, xa que o solar linda co río e conecta co paseo do Salgueiral. As obras permitirán un maior aproveitamento deste espazo natural e a súa posta en valor.
Os traballos de demolición estaban previstos xa para finais do ano pasado. Con todo, o atraso na autorización da Xunta para a retirada do amianto impediu que as obras se iniciaran con anterioridade. Na semana pasada procedeuse a retirar esa cuberta e nestes días realizouse o derrube do inmoble.
Unha actuación imprescindible para acometer a reforma integral da zona, unha vez que xa rematou a remodelación da praza de Ponteareas. O proxecto de estacionamento disuasorio dotará esta entrada da vila dun cento de prazas de aparcamento.
A compra da parcela de 4.000 metros cadrados situada a carón do convento de Vilavella, propiedade da firma Building Center supuxo un investimento de 449.350 euros dos que 416.226 euros foron achegados pola Deputación de Pontevedra a través do Plan Concellos 2019. Agora, con cargo ao Plan Concellos 2022, procederase a realizar a obra que permitirá dispoñer dun espazo próximo ao centro urbano e continuar coa transformación iniciada polo Goberno local no marco da mobilidade sostible e da recuperación de espazos públicos para a cidadanía.
A estratéxica situación do aparcadoiro disuasorio –xusto na entrada do centro urbano– permitirá a desmasificación de estacionamentos de vehículos que, diariamente, se produce nas beiravías da estrada. Este aparcadoiro complementará aos dous aparcadoiros libres existentes no casco urbano reforzados polo aparcadoiro soterrado da Xunqueira.