O deputado e candidato, Manu Lourenzo responsabiliza ao Goberno local do PP pola “suspensión definitiva da Subida ao Verdugo despois de varios anuncios na prensa” e comprométese a organizar este tipo de evento deportivo no caso de chegar a alcaldía.
Os amantes do automobilismo de Soutomaior non poderán gozar tampouco este ano da subida do Verdugo. A primeira proba anunciada para novembro do 2022 foi cancelada apenas unha semana antes da súa celebración, situación que causou malestar no sector automobilístico, xa que varios pilotos renunciaran a outras probas e asumiran gastos importantes para participar nesta, xa que dicían puntuaría no campionato galego.
Pola súa banda, o sector da hostalería tamén criticou esta suspensión e o xeito de proceder do alcalde, xa que para anunciar dito evento acudiu aos establecementos, que fixeron reforzos na contratación e reservas. Pola contra o sector tivo que enterarse da anulación da proba e pola prensa, sen ter ningún tipo de comunicación por parte do Concello, cos custes que iso lle supuxo.
Foi nese intre cando Reguera anunciou o cambio de data para abril, “data que finalmente non aparece no calendario, trasladando fontes consultadas da federación galega que afirman que a pesar de dito anuncio, ninguén do Concello de Soutomaior se puxo en contacto con eles para calendar esta proba, que desapareceu de todos os sitios oficiais deste deporte”.
Lourenzo lamentan que “unha vez máis a parálise do goberno local deixe a imaxe de Soutomaior tocada, esta vez ante os amantes do motor e da hostalaría e comercio local” e comprometeuse a que “ o novo Soutomaior si terá a Subida do Verdugo como acontece en concellos veciños como Ponte Caldelas”.