Este venres 14 de abril no IES Pedro Floriani celébrase un referendo sobre o modelo de estado. A papeleta electoral conterá dúas opcións: república ou monarquía. A iniciativa parte do alumnado de 2º de Bacharelato no marco da materia de Historia de España e pretende conmemorar o 92 aniversario da proclamación da II República de 1931. Susana Fernández, Carla Fernández e Estela Ricón pasaron polos nosos micrófonos para falarnos desta proposta.
A iniciativa conta con varias actividades previas á votación. Realizáronse carteis expoñendo argumentos a favor de cada unha das opcións. Existe un comité de propaganda para elaborar carteis a favor da república e outro a favor da monarquía.
Hoxe xoves celebrouse un debate público protagonizado polo alumnado de 2º de Bacharelato durante o recreo no que se intercambiaron pareceres sobre os pros e contras das dúas opcións.
O censo electoral inclúe a toda a comunidade escolar. As votacións realizaranse o venres 14 ás 9:50 horas e o escrutinio durante a hora do recreo dese mesmo día. Atendendo aos resultados “tomaranse as medidas oportunas para facelos efectivos” afirman.
A iniciativa enmárcase nun plano de aproximar o estudo da Historia desde unha perspectiva participativa, crítica e, dentro do posible, vivencial. Dar protagonismo ao estudantado, tanto na ideación como na organización e execución do referendo potencia as súas competencias, o seu espírito crítico ao tempo que axuda a pensar e debater conceptos da materia de Historia de España. O referendo é un xeito de experimentar momentos históricos do currículo en carne propia.