A colectivo Artelixo organiza hoxe un debate na alameda de Redondela baixo o título “A análise política do cambio climático” que contará coas intervencións de javier Bas do PP, Digna Rivas do PSOE, Roberto Villar de AER e Xoán Carlos González do BNG.
Unha actividade de corte político que se iniciará ás 19:00 horas e que se poderá seguir en directo na propia Alameda ou a través da radio municipal (94.9 e www.radioredondela.com). O obxectivo dos organizadores é coñecer de primeira man os posicionamentos dos partidos políticos ante “un problema de primeira orde” como é o cambio climático así como coñecer as posibles medidas que se poderían aplicar tanto a nivel estatal, autonómico como local para tentar atallar un problema urxente que está a ter xa nefastas consecuencias (secas ,chuvias torrenciais…).
O debate está enmarcado dentro do programa de actividades que está a desenvolver o colectivo Artelixo que durante esta semana organizou diferentes faladoiros en torno a esta cuestión e que, unha vez máis, ten convertido as rúas e prazas do concello nun auténtico museo ao aire libre con preto dun cento de obras elaboradas con material de refugallo que continuarán expostas nos vindeiros días.
O SonaLixo será o encargado de pechar a cita deste ano o sábado 29 nunha xornada que inclúe obradoiros para as crianzas a primeira hora da tarde e fin de festa con concertos de micros abertos.