Hoxe é Venres 22 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Redondela, capital do choco

festa choco

A presentación da XXXVI Festa do Choco tivo lugar na praza do Concello

A Festa do Choco regresa co seu formato tradicional na semana do 11 ao 14 de Maio. Recupérase así a carpa no Campo da Feira na que se poderá degustar o choco nos diferentes stands que servirán o cefalópodo preparado a plancha, con arroz, en empanada, con fabas ou na súa tinta. Unha festa que arrancará coa actuación da Orquestra Panorama o xoves 11 e que se prolongará ata o 14 cun programa que inclúe rutas en barco a San Simón,  actividades para os cativos e a III edición das Xornadas gastronómicas do choco. O pregón correrá a cargo dos integrantes de Tanxarina, grupo que este ano celebra o seu 40 aniversario.

A gran novidade da festa do choco deste ano é a carpa que volverá instalarse no campo da feira e que se eliminara tres anos atrás para evitar aglomeracións de xente a consecuencia da pandemia da Covid. Unha carpa que volverá acoller as degustacións deses pratos nos que o Choco de Redondela é o rei.

Digna Rivas, alcaldesa de Redondela

Así o lembraba na mañá de hoxe a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas na presentación do evento que tiña lugar ás portas do Concello, acompañada dos representantes da Asociación de empresarios así como dos diferentes hostaleiros que van participar tamén da III edición das xornadas gastronómicas que fixeron posible manter a festa durante os anos de pandemia aínda que fora nun formato diferente.

Unhas xornadas nas que participarán cun menú especial os locais Gatrobar 78, Adega , Antolín, Casa Consejo, Casa Mucha, Meraki, Novo Royalty, Os Amigos, O xantar de Otelo, Cafetería tapería Patri e Restaurante Lemos. Locais que ofrecerán pratos diversos como twister crocante de choco,tortilla de choco, brocheta de choco, croquetas de choco con queixo de arzúa, fabas con choco, hamburguesa de choco e tetilla, lasaña de choco ou os tradicionais arroz con choco e choco na súa tinta, entre outras moitas especialidades.

Un programa no que colabora activamente tamén a Asociación Amarturmar con actividades orientadas á veciñanza pero tamén aos turistas que poden achegarse a ese turismo mariñeiro que lles permite coñecer como se captura o choco na enseada de San Simón.

Unha festa na que a música correrá a cargo das orquestras que actuarán no Campo da Feira o día 11 con Panorama, o 12 Combo Dominicano, o 13 a orquestra La Fórmula e o domingo actuación dobre con Budiño e Lontreira. Haberá ademais outras actuacións en parelelo a cargo da Orquestra de saxos, a Rondalla de Redondela, a Banda de música de Chapela e os Grupos de música  tradicional Gure Terra e Tanto nos ten.

Non quixo esquecerse a alcaldesa nesta presentación dos fundadores da Festa lembrando a Juan Antonio Barciela “pucho” falecido o ano pasado e agradecendo a presenza de Manolo Conde “Manolo, Casa paco”.

Unha cita festiva e gastronómica á que Rivas augura “un gran éxito” recuperando a actividade e o impacto dos anos previos á pandemia.

.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará