A tan só unha semana do arranque o XXIV Festival Internacional de Títeres de Redondela. Memorial Juanjo Amoedo, que se vai desenvolver nas rúas de Redondela entre o 15 e o 21 de maio, a veciñanza pode achegarse xa a exposición que en diferentes espazos reúne as marionetas da compañía Trécola.
A partir xa do vindeiro luns un total de 26 compañías de procedencias tan dispares como Brasil, Bélxica, Francia, Estados Unidos, Italia, Cataluña, Madrid, Murcia, Andalucía e, por suposto, unha importante presenza de compañías galegas como: Tanxarina Títeres, Cachirulo, Spaguetti Títeres ou Títeres Alakrán farán as delicias de grandes e pequenos.
Compañías que ofrecerán os seus espectáculos en 9 escenarios espallados pola vila: Petanca, Alameda, Salgueiral ou Casa da Torre, incorporándose este ano a Praza de Ponteareas a esas actividades de rúa que serán os días 17, 20 e 21 de maio.
Exposición “40 anos de Trécola Marionetas”
A primeira das actividades do festival é a exposición da histórica compañía galega Trécola quen espón parte da súa andaina artística polos escaparates da vila: Copy Redondela, La Nube, Pastelería Filo, Café da Vila, Fotografía & Audiovisual Cal-3, Barbería Juan Crespo, Tien-21, Librería La Imprenta e A DiscoTasca e cunha instalación especial no antigo Kiosko Cocó.
Programación de sala
Os espectáculos no Multiúsos arracarán o martes coa compañía aragonesa Javier Aranda coa obra Vida. Pasarán tamén por este escenario os franceses de Le Bob Théâtre con “Nosferatu”, Jordi Bertrán con Antología e Phillip Huber Marionettes dende os EE.UU con “Animación suspendida”. Xa na fin de semana actuarán Periferia Teatro con “Nube Nube ” e Ymedioteatro con “EcO”.
Campaña escolar
Dentro da campaña escolar está prevista a participación de máis de 1300 nenos/as que poderán gozar dos espectáculos no Multiúsos da Xunqueira (EEI A Marisma, CEIP Reboreda, CEIP Quintela, CEIP Santa Mariña, CEIP Porto Cabeiro, EEI Ventosela , CEIP Alexandre Bóveda e CEIP Igrexia e EEI Cesantes).