O goberno local leva esta proposta ao pleno que se celebra o mércores ás 20:00 horas no Multiúsos da Xunqueira co obxecto de reducir o importe actual que pasaría de 1200 a 360 euros. O obxectivo é favorecer que un maior número de vivendas unifamiliares se conecten ás redes municipais de abastecemento e saneamento modificando a ordenanza vixente reducindo nun 70% a taxa que hai que abonar por este concepto.
A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, explica que “Existe un número moi elevado de vivendas unifamiliares que potencialmente poden conectarse ás redes municipais e seguen sen conectarse polo elevado custe que implica. Polo tanto, o obxectivo e reducir significativamente a taxa actual”.
Na actualidade a “taxa de sumidoiro” alcanza, no suposto de vivendas unifamiliares, os 1.200 euros, mentres que a rede de abastecemento ten unha tarifa de 900 euros, polo que cando se implanta unha nova rede pública os usuarios e usuarias teñen que aboar unas taxas de 2.100 euros. Segundo a rexedora local “esta contía está a funcionar como un obstáculo para o acceso dos cidadáns ao servizo e provoca un impacto ambiental e un deterioro do estándar de salubridade evidentes e levanta unha barreira económica que tamén impacta negativamente sobre os índices de desigualdade”. Para subsanar este situación propoñen igualar a taxa entre vivendas unifamiliares e vivendas colectivas modificando as ordenanzas respectivas de xeito que en ambos os dous supostos sexa de 360 euros en concepto de saneamento e 360 euros en concepto de abastecemento.
Pola súa banda, o concelleiro de Medio Ambiente, Alberto Álvarez amosa a súa confianza en que o pleno aprobe a proposta que “redunda en beneficio da veciñanza”.
Entenden ademais dende o goberno que “a diminución de ingresos pola rebaixa desta taxa verase compensada polo aumento das altas e do número de taxas percibidas así como un maior número de recibos trimestrais a cobrar”.