Un veciño de Redondela de 37 anos de idade, con antecedentes penais, foi denunciado pola Policía Local na tarde de onte logo de darse a fuga tras ser identificado conducindo un ciclomotor que fora roubado en Allariz.
Os feitos tiveron lugar ao redor das 17:00 horas deste xoves cando os axentes lle daban o alto ao condutor dunha motocicleta que circulaba a gran velocidade e adiantando de xeito temerario a outros vehículos no centro da vila, creando alarma entre a veciñanza.
Malia as advertencias policiais e o intento por interceptar a moto, o condutor deuse a fuga. Ao tratarse dun vello coñecido pola policía, os axentes dirixíronse ao seu domicilio, localizando alí estacionado o vehículo que fora roubado en Allariz e que foi trasladado a dependencias policiais.
O mozo foi denunciado por roubo e por un delito contra a seguridade viaria xa que circulaba sen contar co permiso de conducir, que lle fora retirado temporalmente.