A festa gastronómica, que se celebra o vindeiro domingo nesta parroquia de Pazos, arranca hoxe coa primeira edición do Nespefest, un festival de disc jockeys gratuíto no que actuarán Rodri Vegas, Gainza, Iván Alonso e Enter. A festa arrancará na medianoite e prolongarase ata a madrugada. A celebración desenvolverase nunha gran carpa na que se servirán bebidas. Con todo, o día grande das celebración será o domingo a partir das 11:00 horas.
Nespereira celebra esta fin de semana a XVII edición da festa do ovo, na que os organizadores confían en atraer máis de 1.500 persoas que se achegarán a esta parroquia a degustar os pratos caseiros elaborados con ovo. Os comensais poderán así degustar ovos fritos con patacas e chourizo, tortilla de patacas, empanadas de atún e ovo, tortillas francesas recheas, ensaladas e grelos cocidos con chourizo, patacas e ovo. Haberá tamén sobremesas caseiras.
Pratos sinxelos a prezos económicos elaborados todos eles con ovos da casa doados polos veciños da parroquia.
A festa, organizada pola Asociación de veciños de Nespereira, estará amenizada polo dúo Estelar e o Dj Rodri Vegas e xa pola tarde actuará o gañador do programa da TVG Recantos, Antonio Barros. O pregón correrá a cargo de PeKe de La Fórmula.