Por primeira vez na súa historia unha muller será a cara visible do Choco. Así o decidiron os socios e socias do club que ao longo deste venres exerceron o seu dereito a voto. A candidatura presentada por Virginia Ricón Vilar resultou gañadora tras recibir un total de 181 votos do 231 votos emitidos.
Virginia Ricón impúxose así ao outro candidato, Fernando M. Crespo e ocupará o cargo de presidenta en substitución de Iván Crespo quen abandonara o cargo tras dez anos ao fronte da directiva.
A nova presidenta quixo agradecer a través das redes “o apoio e cariño recibido de tantas e tantas persoas” e salientou que “malia que o camiño non vai ser doado, imos poñer o mellor de cada un de nós para que o Club Deportivo Choco sega a ser un referente en Redondela”.