Os candidatos á alcaldía de Redondela confrontarán as súas propostas electorais nun debate organizado pola Radio Municipal que se celebrará o mércores 24 ás 20:00 horas no multiúsos da Xunqueira. Participarán os candidatos e candidata ás eleccións municipais por PP, PSOE, AER, BNG.
Confirmaron a súa asistencia Javier Bas polo Partido Popular, Digna Rivas polo Partido Socialista, Roberto Villar da Agrupación de Electores de Redondela e Xoán Carlos González do Bloque Nacionalista Galego. Declinou participar no debate o cabeza de lista de Unidad de Centro, forza que tamén presenta candidatura en Redondela.
O debate poderase seguir en directo achegándose ao auditorio da Xunqueira e retransmitirase pola emisora municipal (94.9). Poderase seguir tamén a través da páxina web www.radioredondela.com ou no facebook do Concello. Moderará o debate a directora da Radio Municipal, Mª Jesús Queimaliños.
Un debate que busca dar a posibilidade aos candidatos e candidata á alcaldía de Redondela a confrontar os seus programas electorais e as medidas máis salientables que propoñen de cara aos vindeiros catro anos de mandato. Tamén haberá quenda de preguntas facilitando así a intervención do público.