A nova presidenta do club ten claro que “hai que ter os pes na terra”. Entende que o obxectivo de recuperar a Terceira División, categoría que o equipo perdeu este ano, non debe ser a prioridade que si pasa por manter ao club en Preferente. Ricón amosa a súa satisfacción polos apoios recibidos de socios e socias e por ser quen de formar unha directiva “cunha presenza importante de mulleres e moi integrada, que o único que busca é o mellor para o club”.
Defínese como unha “apaixonada do fútbol e dos nenos” e amosa a súa satisfacción ao tempo que a súa sorpresa pola elevada participación nas eleccións que lle outorgaron a vitoria a súa candidatura que resultou gañadora tras recibir 181 votos dos 231 emitidos.
Unhas eleccións que se realizaban o venres logo dun longo proceso. De feito, Virginia Ricón decidiu dar o paso hai tan só uns días “as cousas precipitáronse a raíz de impugnarse a candidatura que se presentara previamente o que levou ao club a convocar novas eleccións e é nese momento no que reúno un grupo de xente que levamos anos no Club e decidimos presentarnos”.
Unha candidatura integrada por pais e nais e da que Virginia se sente especialmente orgullosa “porque hai moitas mulleres”, na que se combina a ilusión dos que entran novos coa experiencia dos veteranos, procedentes da directiva anterior “entendemos que é unha mestura moi boa que nos permitirá poñer en marcha iniciativas que favorezan a socios e xogadores”.
Nestes primeiros momentos aínda están aterrando, centrados principalmente no equipo dos maiores “porque comezan a adestrar moito antes que os equipos da base, e hai que afrontar tamén o feito de que acabe de descender de categoría e que na vindeira tempada milite en Preferente”. A cara positiva do descenso é que iso permitirá “que moitos máis rapaces da canteira xoguen nese primeiro equipo”.