O responsable de crear o himno do centenario do Celta está estes días en Vigo para gravar o vídeo clip que acompañará a canción da entidade deportiva. O popular artista deixouse ver este xoves no restaurante de Cesantes Casa Chano. Malia ter a reserva con antelación a súa propietaria Raquel Cabaleiro explica que “preferimos ser discretos para evitar a expectación que puidera levantar a súa visita ao noso local”
Dende que se oficializara que C.Tangana será o creador do himno do centenario do Celta o artista deixase ver cada vez máis por Vigo pero tamén pola contorna. Na xornada de onte fixo parada en Redondela, concretamente no restaurante de Cesantes “Casa Chano”, lugar que elixiu para xantar xunto coa súa equipa conformada por unhas vinte persoas.
Dende o restaurante explican que o artista amosouse “discreto e moi próximo” accedendo con gusto a deixarse fotografar cos responsables do local. Unha imaxe que logo de aparecer en redes sociais provocou innumerables reaccións.
O madrileño, con raíces viguesas e celtista continuará hoxe traballando no videoclip do centenario unha vez que a parte musical xa está pechada. Está previsto que a produtora, acampada no antigo cargadeiro de Rande, realice hoxe rodaxe de imaxes para o videoclip o que obrigará a cortar o tráfico na ponte de Rande.