As comisións negociadoras de AER e PSOE teñen previsto reunirse a vindeira semana para asinar o acordo no que se recollen as puntos programáticos abordados na negociación así como a entrada no goberno da Agrupación de Electores, asumindo o seu concelleiro electo, Roberto Villar a concellería de Infraestruturas e sustentabilidade. Queda pendente o documento que obrigaría a Digna Rivas a pagar 100.000 euros no caso de incumprir o pacto pero “non será un atranco para a formación dun goberno de esquerdas”.
Tres reunións e unha semana foi o que precisaron as comisións negociadoras de AER e PSOE para chegar a un acordo que, malia estar pendente da súa sinatura, confirma que Redondela seguirá en mans dun goberno progresista.
“Confirmamos as boas sensacións das reunións anteriores” explica Cuni Orge de AER “e chegamos a un acordo na área programática o que suporá avanzar na peonalización de diferentes rúas de Redondela, instalar puntos limpos, lograr un local vecinal para Chapela na parcela do antigo colexio Igrexa, a posta en marcha dunha ordenanza antifeísmo, ordenar os furanchos e regular, na medida do posible, os aloxamentos turísticos.
Tamén hai acordo na petición de que Roberto Villar entre a formar parte do goberno como concelleiro de Infraestruturas e sustentabilidade asumindo as competencias de vías e obras, saneamento, alumeado público e recollida de residuos.
Orge afirma que quedan pendentes tan só algún flocos no que se refire a sinatura dun documento ante notario por parte da alcaldesa “no que se recolla que tería que doar 100.000 euros a unha ONG no caso de que incumpra os seus compromisos en cuestións que dependan exclusivamente da súa vontade”. En todo caso, engade “este tema non será un atranco para o acordo, porque entendemos que é unha cuestión de carácter máis simbólico”.
Críticas ao PP
Orge respondeu tamén as críticas dos populares que hoxe mesmo acusaron a AER de “disfrazar de pacto político o que non é máis que un acordo de intereses particulares no que ambas as partes pretenden garantir o seu futuro laboral a costa dos cartos de todos os redondeláns”. Amosou a súa decepción por unhas palabras que responden a “unha pataleta do PP” e que só serven “para voar as poucas pontes que podían existir co PP”.
Sobre o seu cambio de postura á hora de levantar o veto a actual alcaldesa que os populares cualificaron de “estafa a cidadanía” explica Orge que “nós sempre amosamos a nosa intención de formar un goberno de esquerdas, tivemos que dar marcha atrás e aceptar a Digna Rivas malia ter traizoado a AER pero nunca iamos aceptar a Javier Bas, quen traizoou a toda Redondela cando abandonou a corporación hai catro anos”.