O sábado 17 o Pavillón da Bomboneira acollerá a equipos de Ferrolterra, Valladolid, Asturias, Sevilla e Portugal para celebrar o I Torneo de Veteranas Balonmán de Redondela. O evento está organizado polas Sarillas, o equipo de veteranas da SAR, e un dos obxectivos é recadar cartos para a asociación AGAELA.
Mais de 100 xogadoras acompañadas do corpo técnico e das súas familias virán a Redondela desfrutar do deporte pero tamén para coñecer a Vila. Dende a organización, Nuri, explica que este tipo de torneos tamén serven para dinamizar a economía local e dar a coñecer a nosa cultura fora de Galicia.
Os 7 equipos participantes, Ferrolterra, Valladolid, Siero de Asturias, Asab de Sevilla e Baltar de Portugal, xogarán partidos de 30 minutos no Pavillon da Bomboneira durante todo o día de 9:00h da mañá a 20:30h da tarde facendo turnos para comer e descansar. A intención deste torneo é a convivencia e a socialización polo que os resultados non son o importante e todas recibirán un trofeo sen distincións.
Ademais de gozar do deporte teñen como obxectivo recadar cartos para Agalea, a asociación Galega de Afectados pola Esclerose Lateral Amiotrófica, a través da venda de rifas. Estas estarán á disposición das persoas interesadas durante a xornada do sábado e ao rematar os partidos farase un sorteo no que se repatirán agasallos facilitados polo comercio de Redondela.
Dende a organización da competición sinalan que “este primeiro torneo de veteranas non sería posible sen o apoio do comercio local e do Concello de Redondela que axudaron dende o primeiro momento”. Distintos comerciantes e empresas do municipio aportaron agasallos, axudas para material e equipamento e apoio para conseguir un fisioterapeuta que acompañe durante os partidos e atenda calquera tipo de incidencia.
As Sarillas confían en encher as gradas da Bomboneira o próximo sábado e recadar cartos para a causa solidaria a que están vencelladas.