Tanto nas parroquias como no centro da vila apareceron carteis nos que se pode ler “Se vende” xunto as imaxes das caras máis visibles da Agrupación de Electores e a lenda “perigo pretenden gobernar” ou o texto “traicionando a AER e a veciñanza a cambio dun salario”. Uns carteis que se distribuíron de madrugada, xustamente na xornada na que Aer ten convocada unha asemblea aberta no multiusos que se celebrará ás 20:00 horas de hoxe para explicar a súa decisión de apoiar un goberno de Digna Rivas.
De xeito anónimo tamén se está a espallar un mensaxe de wassap na que se anima á veciñanza a achegarse a esta reunión para “cantarlles as corenta” aos representantes da Agrupación de Electores porque, segundo se pode ler na mensaxe “merécense un bo abucheo e unha boa bronca”.
Un ambiente político caldeado a tan só uns días de que se produza a sesión de investidura que terá lugar o vindeiro sábado ás 12:00 horas no Multiúsos da Xunqueira, pleno no que previsiblemente Rivas revalidará o seu cargo como alcaldesa de Redondela.
Neste sentido, as negociacións continúan estes días co BNG de cara a pechar o apoio dos tres concelleiros nacionalistas a un goberno de esquerdas alternativo ao PP. Negociacións das que podería saír tamén a formación dun tripartito PSOE-AER- BNG, malia que polo de agora estes últimos non desvelaron se entrarán ou non nun goberno de coalición.