Luciano Otero e Xurxo Pardo Besadío asinaron o pacto de investidura
Luciano Otero será previsiblemente alcalde de Pazos de Borbén a partir de mañá. Hai asinado xa un acordo de investidura co BNG e confían tamén en contar co voto a favor do edil do PSOE o que lle permitiría arrebatarlle a alcaldía ao popular Andrés Iglesias, quen con cinco concelleiros quedaría en minoría fronte a suma de Alternativa Veciñal (4), BNG (1) e PSOE (1).
Alternativa Veciñal e BNG asinaron xa un acordo no que a formación nacionalista comprométese a apoiar a investidura do candidato de Luciano Otero. Este apoio faise posible despois de consensuar un documento de medidas programáticas xa recollidas, en gran medida, nos respectivos programas electorais, segundo explican as dúas forzas. Estas medidas céntranse en dous grandes eixos: a rexeneración democrática e o impulso económico e social de Pazos de Borbén. Así, ambas forzas coinciden no prioritario de darlle maior visibilidade aos Plenos, mellorar o saneamento municipal, garantir o arranxo da EP2702 ou poñer a pleno rendemento o polígono industrial, entre outras.
Este entendemento sobre o traballo a desenvolver nos vindeiros anos vai permitir que o BNG apoie a investidura do candidato de Alternativa Veciñal, Luciano Otero. De momento, os nacionalistas non entrarían a formar parte do goberno, unha porta que Alternativa Veciñal deixa aberta.
Contan tamén co apoio do edil do PSOE, quen favorecerá o cambio de goberno co seu voto na sesión de investidura deste sábado.
En todo caso, todo apunta a que os catro representantes de Alternativa Veciñal terán que asumir o goberno en solitario.