A Feira do Libro sitúase na beirarrúa ao carón Alameda ata o domingo coa participación das librarías redondelás Moliere, La imprenta e Hijos de Amador Pérez así como Uróboros e Pirsma. Ata entón están previstas unha vintena de sinaturas de libros, seis presentacións e media decena de actuacións musicais, recitais e actividades infantís.
Un emocionado Dositeo Pérez de La Imprenta falaba en nome da Federación pero tamén como integrante dunha saga de libreiros en Redondela. Lembraba ao seu pai recenetemente falecido quen durante décadas foi un referente na vila ao fronte de La Imprenta. “Hoxe ocupo un lugar que non me corresponde, neste sitio debería estar o meu pai un home que me ensinou a desfrutar, amar e respectar esta profesión”.
Animaba aos veciños e veciña a achegarse estes días de festa literaria “escollede a vosa lectura e lembrade que as nosas portas sempre están abertas para asesorarvos e recomendarvos, abride as vosas lecturas e gozade con elas”.
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, quen participaba na apertura da Feira do Libro de Redondela, sétima parada do circuíto impulsado pola Xunta de Galicia e a Federación de Librarías de Galicia enviou unha mensaxe á cidadanía para animala a mercar libros e continuar gozando do hábito da lectura. “O sector do libro é, sen dúbida, un dos piares da nosa cultura e por iso, sexa cal sexa a motivación, animo a todo o mundo a que aposte por achegarse a esta feira para mercar novos exemplares”, salientou.
Un acto que remataba coa lectura do pregón a cargo da escritora Isabel Blanco quen lembrou os 90 anos dende a celebración da primeira feira do libro de España no paseo Recoletos de Madrid “cun éxito rotundo” grazas a un impulso indiscutible dende a Segunda República promovendo e democratizando a lectura e facendo os libros accesibles a toda a cidadanía e achegando a escritores e escritoras aos seus lectores.
Charlas e lecturas de pregóns que seguen escoitándose por vilas e cidades noventa anos despois con librerías ao aire libre ao alcance de todos e de todas. Remataba desexando unha longa vida ás feiras do libro e parafraseando a Enrique Tierno Galván “máis libros, máis libres”.
Unha feira que na xornada de hoxe contará coa presenza de varios escritores quen asinarán os seus libros nas casetas da feira. Francisco José Pampillón, Sabela Sean, Perfecto Souto, Carlos Gabril e Diego Cabrera e Vicente Pedreira así como as redondelás Jéssica Rodríguez con peúgo o Calcetín e Angela Méndez Alonso con O verme que quería voar, serán as protagonistas na xornada de hoxe venres que contará tamén coa actuación de Caramuxo Teatro ás 18:00 horas coa obra infantil Feo.
Unha programación que se prolongarán ata o vindeiro domingo.