Hoxe é Sábado 23 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

PSOE e AER pechan o pacto de goberno á espera da suma do BNG

pacto

“Imos ter o goberno progresista que a cidadanía demandou cos seus votos o pasado 28M”, así o afirmaba Digna Rivas na sinatura do pacto que confirma a entrada no goberno do concelleiro de AER, Roberto Villar. A candidata socialista asegúrase a investidura no pleno de mañá logo de que chegar a un acordo tamén co BNG, documento que teñen previsto asinar esta mesma tarde.

Digna Rivas, alcaldesa en funcións

Nun ambiente distendido, Digna Rivas e Roberto Villar asinaban un documento de medidas programáticas que suporán avanzar na peonalización de diferentes rúas de Redondela, instalar puntos limpos, lograr un local vecinal para Chapela na parcela do antigo colexio Igrexa, a posta en marcha dunha ordenanza antifeísmo, ordenar os furanchos e regular, na medida do posible, os aloxamentos turísticos así como a entrada no goberno da Agrupación de Electores, asumindo o seu concelleiro electo, Roberto Villar a concellería de Infraestruturas e sustentabilidade. Unha sinatura que é posible logo de que Rivas asinara ante notario o documento esixido por AER e no que se compromete a pagar 100.000 euros a unha ONG no caso de incumprir o pacto.

Na sinatura deste documento a alcaldesa en funcións amosou a súa satisfacción e agradecemento a AER por traballar na procura de puntos de consenso.

 “Este acordo vai máis aló dos intereses das formacións políticas, un acordo feito para a veciñanza de Redondela que busca facer unha vila máis amable e apacible, sobre todo logo dos acontecemento dos últimos días” en referencia a aparición de cartaces en contra de AER “que buscaban presionar aos concelleiros”.  

Roberto Villar, AER

Os dous partidos marcan así un punto e aparte cos desencontros do pasado “queremos ver cara o futuro polo ben da cidadanía de Redondela”.

Sobre a posibilidade dun goberno tripartito Rivas insistía en que “Redondela quere un goberno progresista forte, polo que o meu desexo sería que o BNG entrase a gobernar, pero é unha decisión que está en mans do Bloque”.

O pleno de investidura celebrarase este sábado ás 12:00 horas no Multiúsos da Xunqueira. As persoas que desexen asistir en directo deberán retirar as invitacións a partir das dez da mañá no propio Mulitúsos.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará