Un dos puntos asinados no pacto de investidura entre PSOE e BNG pasa porque os nacionalistas conten cunha persoa de confianza, contratada polo concello, para realizar as funcións de asesor do Bloque. Este punto non transcendera ata o de agora, xa que o BNG tan só nomeara cuestións xenéricas á hora de comunicar o acordo acadado entre ambos os dous partidos para garantir o apoio dos edís nacionalistas a reelección de Digna Rivas como alcaldesa.
“Para nós é importante contar cunha persoa designada polo BNG como cargo de confianza dentro do concello xa que favorecerá que exista unha maior transparencia dentro do goberno” así xustifica o cabeza de lista do BNG, Xoán Carlos González ter incluído este asesor dentro do pacto de investidura.
A demanda deste asesor non está vinculada a entrada do BNG no goberno “iso é algo que aínda temos que valorar e negociar” asegura González quen apunta que ata a semana que vén non teñen previsto reunirse cos socialistas para abordar esta cuestión. Insiste en que o persoal de confianza non ten necesariamente que estar ao servizo de grupos de goberno e apunta que “as función desta persoa aínda están por delimitar”.
Con todo, esta proposta terá que pasar pola aprobación no pleno de organización, no que se delimitan as competencias dos concelleiros e concelleiras, asignacións económicas e postos de confianza. Un pleno que debe convocarse antes do 17 de xullo.
Mentres, o goberno local continúa pendente da decisión que poidan adoptar os nacionalistas para proceder ao reparto de responsabilidades e áreas de goberno ben entre os 8 concelleiros que o conforman a día de hoxe (7 do PSOE e 1 de AER) ou os posibles 11 que sumarían no caso de entrar tamén os edís do Bloque. A alcaldesa manifestaba nos últimos día o seu desexo de contar en Redondela “cun goberno progresista forte coas tres forzas de esquerda”.