Preto de chegar aos 2000 seguidores, o creador de Redondela 2022 decide dar un xiro á conta e transformala co obxectivo de consolidar un portal cultural sobre Redondela enfocado a poñer en valor a nosa tradición e achegala á xente nova.
A labor de David Crespo como divulgador da nosa cultura é altruísta e o seu obxectivo é levar Redondela por “todo o mundo”. Tralo éxito de seguimento nas súas publicacións decidiu dar un cambio de imaxe para poder ofrecer unha “marca” enfocada por e para Redondela. Segundo o influencer, “Redondela precisa expandirse nas redes sociais e contar con material co que identificarse. Por iso gustaríame poder ofrecer camisetas e tazas deseñadas para enxalzar os nosos valores”. O merchandising terían un prezo reducido e incluso gustaríalle poder regalalo, porque a súa intención non é lucrarse.
O novo logo, que poderemos ver pronto, está deseñado pola artista local Paula Amoedo e incluirá representación das parroquias, engadindo tamén o berete de Chapela. Fai un chamamento ao Concello de Redondela e as persoas interesadas en participar para poder seguir crecendo e cumprir os seus obxectivos.
O seu lema é “amor por Redondela” e está presente en todo o que sucede no concello e na contorna para publicar o contido máis actualizado e veraz posible. Sinte ilusión por este traballo porque “os veciños agradecen o que fago e así o demostran”.
Detrás da conta de instagram está principalmente o seu creador, pero non se esquece de nomear a toda a xente que o apoia e axuda para facer o proxecto posible e en especial a Josefa Calvar, a persoa coa que comparte a maioría dos actos aos que acude por dedicarse tamén á divulgación cultural en Facebook.
Para estar ao día de todo o que sucede en Redondela David Crespo presenta Redondelízate, dispoñible en instagram con información para tódolos públicos.