Hoxe é Sábado 23 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O Castelo de Soutomaior acolle a estrea do programa “Tras as ameas” cun espectáculo de música e danza inclusiva

castelo

No concerto inaugural deste martes, 27 de xuño ás 21:00 horas, empregaranse auriculares para experimentar a música desde o silencio e correrá a cargo de Javier Otero e Rut Balbís. ‘Tras as ameas’ está formado por 13 propostas culturais nos castelo de Soutomaior e Sobroso, cinco das cales xa teñen todas as prazas esgotadas

O castelo de Soutomaior acolle este martes, 27 de xuño, a estrea dunha nova edición de ‘Tras as ameas’, o programa cultural e familiar da Deputación de Pontevedra que abrangue unha ampla e diversa oferta de actividades inspiradoras dirixidas a todos os públicos para acudir aos castelos de Soutomaior e Sobroso e vivir neles experiencias únicas. O concerto inaugural está a cargo de Javier Otero e Rut Balbís, leva por título ‘Escoitando o silencio’ e terá lugar ás 21:00 horas.

‘Escoitando o silencio’ será un concerto ao solpor de música accesible con piano, danza e auriculares silentsystem, unha experiencia diferencial en todo o espazo do xardín da fortaleza que, mediante o uso da tecnoloxía sen cables, suporá un exercicio sen precedentes dentro deste proxecto innovador. Nel, Otero e Balbís farán unha proposta artística baseada na intervención musical co obxectivo de que o silencio perdure na contorna, de xeito que o concerto de piano e electrónica con auriculares de última xeración transcorra ese silencio. Polo tanto, a música e a tecnoloxía danse a man coa contorna de xeito moi especial, integrando tamén a luz e as persoas espectadoras para converter un espazo interactivo e multidisciplinar nunha experiencia difícil de explicar, pero doada de intuír. A bailarina Rut Balbís interpretará unha coreografía creada expresamente para este espazo, na que se interactuará co público e co xardín na procura de experimentar a música en directo desde o silencio.

‘Tras as ameas’ está composto por 13 accións entre concertos, obradoiros, contacontos ou espectáculos escénicos que inclúen maxia e circo e que se prolongarán ata o 29 de agosto divididas en cinco bloques: Noite no castelo (accións nocturnas); Música con historia (concertos para público familiar); Nin príncipes nin princesas (contacontos); O teatro vén de visita (teatro de rúa); Creando no xardín (obradoiros participativos de arte); Vaia circo este castelo! (espectáculos de circo exterior) e Entre muros de maxia! (espectáculos de maxia).

As actividades para as que aínda quedan prazas dispoñibles son as seguintes: o obradoiro ‘Frida’ da compañíaA Cova das Letras, o 13 de xullo no castelo de Soutomaior; o espectáculo nocturno ‘Caldo’ a cargo de María Jorge (violín), Anaïs Barbier (voz e pandereta) e Pedro Fariñas (guitarra e gaita) o 18 de xullo en Sobroso; o concerto ‘Silforiña’ da compañía Golfiños o 1 de agosto en Sobroso; o concerto ‘Paxaro amigo. Músicas para a paz’ de Mamá Cabra o 10 de agosto en Soutomaior; o espectáculo circense ‘Nino & Mambrú’ de Nauta o 17 de agosto en Soutomaior; a actividade de maxia ‘Superheroe’ de Fran Rei o 22 de agosto en Sobroso e, finalmente, o obradoiro ‘Lingoreteira’ de Xarope Lulú en Sobroso.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará