A obra, promovida polo Concello ascende a 982.719,40 €, dos cales a Deputación de Pontevedra achega 737.039,55 €. Contempla a reurbanización da rúa As Cardosas, rúa Salgueiral e a súa continuación pola rúa Ernestina coa mellora das beirarrúas, a reorganización e incremento de espazos verdes así como a instalación dun escenario e unha fonte lúdica na zona sur. O proxecto non contempla a eliminación de prazas de estacionamento.
A reforma da rúa das Cardosas e a rúa do Salgueiral, dende a N-555 ata a rotonda baixo o viaduto vello, busca mellorar e remodelar a zona co cambio das beirarrúas, aumentando a súa anchura e substituíndo o seu pavimento por lousas de granito así como modernizar o seu mobiliario e reorganizar os espazos aumentando a superficie verde. A actuación ascende a 982.719,40 €, dos cales o organismo provincial achega 737.039,55 €.
A actuación proxecta tamén un escenario e unha fonte lúdica na zona sur – no espazo que actualmente xe se emprega como escenario durante a celebración do Festival de títeres- co obxecto de potenciar o uso da zona por parte da veciñanza “na actualidade as zonas verdes atópanse infrautilizadas e inconexas e o espazo actual presenta un carácter residual e pouco seguro, polo que hai que equipar os espazos para poñelos nun estado de funcionamento óptimo”.
Incorporarase tamén máis arborado asociado ao espazos verdes así como outras especies ornamentais que contribúan a crear un espazo máis amable e agradable, deséñanse novos pasos peonís elevados para incrementar a seguridade dos peóns e cámbianse as luminarias urbanas existentes por unhas máis eficientes “mellorando a iluminación do lugar reducindo o custe da mesma”.
O obxectivo fundamental desta actuación é “a revitalización dun espazo público deteriorado que é central na vida de Redondela” contemplando ademais no deseño de ditos espazos que sexan accesibles para todas as persoas “poñendo especial atención as de maior idade así como as persoas con mobilidade reducida ou con algún tipo de discapacidade”.