O BNG non pecha a porta a entrar no goberno pero asegura que polo de agora “non hai puntos de encontro” co PSOE tras a reunión celebrada este luns. Con todo, manteñen as xuntanzas que estes días están a celebrar as comisións negociadoras de cada un dos partidos, coa alcaldesa Digna Rivas e a secretaria de organización do PSOE Rita Pérez por parte dos socialistas e Cecilia Pérez Orge e a concelleira Jessica García por parte do BNG.
Entrar nun goberno “non é unha decisión que se poida tomar apresuradamente” así xustifica o cabeza de lista do BNG, Xoán Carlos González a tardanza da formación nacionalista á hora de decidir se finalmente os tres concelleiros do Bloque entran a formar parte do goberno que preside Digna Rivas ou se, como xa acontecera hai catro anos, deciden exercer a súa labor política dende a bancada da oposición.
En todo caso nin confirma nin desminte ningunha das dúas opción e insiste en que “o que queremos ver é vontade por parte do PSOE para negociar”. Unhas negociacións que continuarán mañá e que se centrarán principalmente en pactar o apoio dos nacionalistas ao pleno de organización que debe celebrarse antes do 17 de xullo e onde se determinarán as responsabilidades de cada un dos concelleiros e concelleiras do goberno así como as dedicacións exclusivas e cargos de confianza. Entre estes últimos debería estar o asesor que o BNG negociou co PSOE para apoiar a investidura de Rivas, unha persoa de confianza, contratada polo concello, que estaría ao servizo do Bloque.