Hoxe é Venres 22 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O nacionalista Manu Lourenzo presenta un goberno “para construír un Soutomaior de futuro” co apoio do PSOE

goberno souto

O BNG e o PSOE veñen de facer público o acordo de goberno para os próximos catro anos no Concello de Soutomaior. Con este acordo, ambas as formacións comprométense a traballar de forma conxunta pola veciñanza, comprometidas co interese xeral do pobo de Soutomaior. Entre os principais eixos de traballo do novo goberno destacan, entre outros, o desenvolvemento dun novo modelo urbano e de vertebración do concello; a aposta polo rural e polo mar; a defensa do comercio e do turismo; ou o impulso de iniciativas destinadas á mocidade. A única edil socialista, Silvia Cernadas, será responsable de Cultura.

O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, sinalou que a sintonía para chegar a un acordo e para traballar polo concello “foi total desde o primeiro momento”. “Ambas as formacións tiñamos claro que Soutomaior merece avanzar e crecer, e este acordo representa ese compromiso con toda a veciñanza”. Pola súa parte, a concelleira do PSOE, Silvia Cernadas, explicou que “aínda que o acordo de goberno se anuncie agora, levamos traballando desde o primeiro día, porque temos claro o noso compromiso con Soutomaior e co cambio que a veciñanza pediu nas urnas”.

Áreas de goberno

O goberno bipartido acordou xa o reparto das diferentes concellerías entre os sete edís do BNG e a representante do PSOE. Así Manu Lourenzo, ademais de asumir as competencias asignadas á Alcaldía, tamén asumirá as áreas de Ensino, Deportes, Festas e Normalización Lingüística.

O concelleiro Pablo Garrido farase cargo de Medio Ambiente, Urbanismo, Obras e Mobilidade, mentres que Diego Moreira asumirá as áreas de Réxime interior, TIC, Persoal, Facenda, Policía Local e Voluntariado. Rosana Comesaña será a responsable de Promoción económica, Comercio e Hostalaría ; Rosana Boullosa será a concelleira encargada de Benestar Social, Saúde, Igualdade e Mocidade e Charo Bouzón farase cargo de Medio Rural, Mar, Asociacións e Comunidades.

Finalmente, a concelleira do PSOE, Silvia Cernadas asumirá as áreas de Cultura, Turismo e Memoria.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará