O PP votou en contra de todos os puntos alegando que dende o goberno negáronse en todo momento a sentarse con eles a negociar os asuntos que ían a debate. Máis sorprendente, con todo, foron os votos do concelleiro de AER e dos concelleiros do BNG, que impediron sacar adiante puntos de relevancia para a organización do goberno como poida ser a retribucións dos concelleiros e concelleiras ou a creación e a retribución do persoal de confianza, punto especialmente polémico por incluír un asesor ao servizo do Bloque e que estaba enmarcado no pacto de investidura entre PSOE e BNG.
Unha sesión de organización a que se chega habitualmente con todos os asuntos resoltos e coa confianza do goberno de poder sacalos adiante para poder funcionar a pleno rendemento. Neste sentido, estaba previsto aprobar as retribucións da alcaldesa (43.000 euros brutos), dous concelleiros con dedicación exclusiva (30.000 euros), tres concelleiros con dedicación parcial que cobrarían 19.500 así como as retribucións que deberían percibir os voceiros dos grupos políticos e o resto dos concelleiros da oposición.
Xa dende o inicio o PP fixo unha declaración de intencións ao afirmar o seu voceiro, Javier Bas, que non ían votar a favor dos asuntos que se levaban a debate porque o goberno de Rivas deixara ao seu grupo fóra da negociación malia o seu compromiso na sesión de investidura de que “este ía ser este un goberno de diálogo e aberto a cidadanía, pero vemos que mantén a súa actitude despótica que a acompañou nos últimos catro anos”.
Con todo, o PSOE confiaba en contar cos seus socios na investidura para sacar adiante as propostas de organización. Algo que se torceu de inmediato e que fai aventurar que vai ser este un mandato cheo de desencontros e cargado de incertezas para os intereses de Rivas.
O concelleiro de AER (que pasa a ser grupo Mixto) foi o primeiro en poñer sobre a mesa a falta de entendemento en canto ao reparto de representantes na Mancomunidade de Vigo “o BNG veta a presenza do PP nese organismo, algo que nos parece antidemocrático e non imos apoiar”.
Un reparto de asentos que sería, segundo se recollía na proposta a debate, de un representante para o PSOE e outro para AER, mentres que os dous restantes estarían en mans de BNG quen tería negociado con Rivas que o PP non contara con ningún representante neste órgano “pola súa negativa a acudir as reunións da mancomunidade durante os últimos seis anos”.
Este era o primeiro dos asuntos rexeitados ao votar en contra os dez concelleiros de PP e o representante de AER. Resultado que se repetiría á hora de abordar a creación e retribución dos postos de confianza: un secretario, unha persoa responsable de comunicación e un asesor ao servizo do BNG. Novamente, unha cuestión pactada entre PSOE e BNG no acordo de investidura que se atopou co voto en contra de AER “non entendemos que un grupo da oposición conte cun traballador ao seu servizo pagado polo concello”. Con todo, aseguraba Roberto Villar que estaba disposto a aceptar este punto para desbloquear o goberno pero tras a negativa do Bloque a cambiar de postura no punto anterior e aceptar que o PP teña un representante na mancomunidade, imos votar en contra”.
E como non hai dous sen tres, chegaba o asunto das retribucións dos concelleiros e concelleiras. Un asunto que non saía adiante tras un cruce de reproches onde AER criticaba a decisión do BNG de non entrar no goberno “son uns absolutos irresponsables a quen se lles enche a boca dicindo que queren un goberno de esquerdas forte e logo non queren entrar no goberno” ao que o nacionalista Xoán Carlos González lle contestaba “fala de responsabilidade para formar un goberno forte e hai dous anos non tiveron problema en rachar o bipartito e deixar o goberno máis feble ca nunca”, para a continuación votar en contra dos soldos xunto co PP.
Antes de votar en contra das retribucións dos concelleiros advertía tamén o voceiro do BNG que “como non se están a respectar os nosos acordos reservámonos o dereito a renegociar o pacto de investidura”.
Unha afirmación que da a medida do complicado que vai ser a gobernanza nun mandato que arranca xa con moitos atrancos.
Unha resposta
Jajajajaja isto empeza como rematou o mandato anterior.
A Alcaldesa non aprendeu nada do mandato anterior? Non comprende que para gobernar necesita os votos favorables de AER e BNG? Que non pode levar as cousas así ao pleno, sen confirmar os votos cos que a apoiaron na investidura? É lamentable este nivel de política.
Vai ser un mandato interesante se xa comeza así. O mellor é que non cobrarán por esta desfeita.
Ú-lo acordo de investidura do BNG-PSOE?