A secretaria xeral do Partido Popular de Pontevedra, Luisa Piñeiro, pedía na tarde de onte na Alameda Castelao o voto para “a única persoa e o único partido que a partir do 23 de xullo pode garantir un cambio en España”, nun acto no que participaron a número 1 da provincia ao Congreso, Ana Pastor, e o presidente local, Javier Bas.
Piñeiro afirmou que votar a Feijoo é votar por “un presidente que coñece ben a nosa provincia, cada un dos nosos concellos e cales son as nosas necesidades e demandas. Porque si Feijóo goberna a partir do 23 de xullo, gaña Pontevedra, gaña Redondela e gañamos todos”.
Para conseguir esa maioría contundente que permita que haxa un Goberno do Partido Popular, pediu “que todas as persoas que queren que as cousas cambien voten a Núñez Feijóo. O 23 de xullo a papeleta do Partido Popular é un si ao cambio e dicir adeus ao sanchismo. Calquera outro voto, sexa a quen sexa, é manter catro anos máis a un Goberno que desprezou por sistema a Galicia e á nosa provincia”.
Pola súa banda, Ana Pastor afirmou que o PSOE rexeitou todas as emendas que o PP presentou aos orzamentos xerais do Estado, entre as que se incluían a nova comisaría distrito de Vigo-Redondela; incrementar a partida destinada ao Corredor Noroeste Renovación Vigo-Redondela-Guillarei-Ourense, a apertura dunha saída da AP-9 en Torres de Padín; a supresión da peaxe ou a mellora da seguridade viaria nas estradas N-555 entre Redondela e o Aeroporto de Vigo, na N-552 ao seu paso por Chapela ou na N-550 no acceso a Arcade desde Redondela, a construción da rotonda na N-550 nos Valos; a segunda fase da vía verde entre Chapela e Rande; a construción dunha senda peonil no viaduto de Redondela ou a rexeneración da praia de Cesantes, entre outros proxectos.