Unha semana despois da celebración dun pleno de organización no que o goberno local non foi quen de aprobar nin as retribucións dos concelleiros e concelleiras nin a creación e a retribución do persoal de confianza, o BNG vén de solicitar a alcaldesa que concrete “data e hora” para realizar unha xuntanza de cara a “iniciar conversas co fin de acadar un consenso entre todas as partes implicadas e chegar a acordos para facilitar o bo funcionamento do concello”.
“Asumimos a responsabildiade de dar o primeiro paso nesta negociación tras a parálise dunha semana, sen novas do goberno municipal”, sinalan fontes nacionalistas quen responsabilizan do fracaso do primeiro pleno do mandato á alcaldesa Digna Rivas “por non ter consensuada no seo do goberno de PSOE e AER”, a proposta que se levou á sesión do xoves 6, que finalmente non saíu adiante.
Lembramos que o edil da Agrupación de Electores, Roberto Villar votou en contra de dous acordos de investidura entre PSOE e BNG que pasaban por deixar sen representación aos populares na Mancomunidade de Vigo e por incluír, entre o persoal de confianza, un asesor ao servizo dos nacionalistas. A resposta do BNG foi votar en contra da proposta de retribucións para os membros do goberno, o que supón que a día de hoxe os concelleiros e concelleiras da corporación estean sen cobrar.
“Pola nosa parte ofrecemos diálogo e colaboración para chegar a un entendemento que permita ao goberno municipal de Redondela traballar con normalidade”, afirman os nacionalistas quen amosan a súa preocupación “pola dinámica que se pode instaurar neste mandato, de que calquera grupo do bipartito poida votar nos puntos resolutivos en función dos seus intereses partidistas e non como goberno cohesionado”.
Unha resposta
Cando vai publicar o BNG de Redondela o acordo asinado co PSOE para a investidura da Sra. Digna Rosa Rivas?