A moción presentada polos nacionalistas foi aprobada cos votos a favor de PSOE e AER, mentres que os concelleiros do PP optaron pola abstención alegando que a información existente en torno ao proxecto que está a tramitar Capital Energy era “Insuficiente e confusa” polo que propoñían unha xuntanza dos grupos da corporación para redactar unha moción conxunta. O goberno local comprometeuse a contratar unha empresa que se encargue de avaliar o impacto ambiental deste proxecto sobre Redondela”.
Os nacionalistas salientaban que ademais das afeccións que suporán no mar onde se instalarán os 34 muiños previstos, falaba da liña de conducción aérea que cruzará parte do concello de Vigo e Redondela con “torretas” cada 300 metros ata chegar a estación de Pazos de Borbén. Por ese motivo solicitaba ao pleno que se posicionara en contra desta liña promovida pola emrpesa Capital Energy “un novo parque eólico con moitisimo impacto tnato na zona mariña como no noso concello”.
O voceiro nacionalistas Xoán Carlos González engadía que este infraestrutura enerxética segundo a información que obra no Concello “afectaría ás parroquias de Vilar, Cabeiro, Negros e Saxamonde así como ao Val do Maceiras” con afeccións físicas moi importantes e que “somentes traerá un negativo impacto para Redondela”.
O voceiro do PP, Miguel Ángel Álvarez pedía ao goberno local que deixara o tema sobre a mesa á espera de ter máis información en torno a este parque porque, segundo afirmou “hai cambios no proxecto que suporía o cambio do seu trazado”. Solicitaba que se convocara unha comisión dos grupos políticos para poñer en marcha unha moción conxunta “no básico estamos todos de acordo, pero a información da que dispoñemos é escasa e insuficiente, e xustificaba a abstención do seu grupo no feito de que “a día de hoxe non estamos en disposición de darlle unha información fiable aos veciños”.
Si apoiaba a moción o edil de AER, Roberto Villar, quen insistía en que “temos que protexer o medio ambiente pase esta liña en dirección a Atios como afirma o PP ou cara a Pazos de Borbén”. Lembraba tamén que “estamos a pagar un prezo moi alto polas infraesturturas que realizan estas empresas con intereses puramente económicos”.
A voceira do PSOE, Rita Pérez afirmaba que nestes momentos estamos ante unha petición dunha empresa promotora e que aínda non foi iniciado o estudo de impacto ambiental. Adiantou que o concello vai desenvolver nos vindeiros días estudos técnicos “para comprobar se se están a respectar todos as cautelas e principios que a normativa impón e de non ser así demostrar a non viabilidade das solucións propostas por Capital Energy”. Engadía que “xa se solicitou información ao respecto e se procedeu a contratar unha empresa especializada para a avaliación do impacto ambiental sobre o noso territorio”
Concluía a súa intervención Xoán Carlos González insistindo en que “non podemos volver aos tempos dos pantanos do Franquismo con impacto medioambiental máximo e beneficio social mínimo” e criticando a falta de iniciativa tanto do PP como do PSOE neste asunto que só busca o rédito económico para a compañía promotora.