O pleno de Redondela aprobaba hoxe os salarios dos concelleiros cun incremento do 8% tras lograr Rivas o apoio de AER e BNG. O PP foi o único partido que votou en contra tanto do salario da alcaldesa -47.142 euros brutos anuais- como do resto de retribucións que percibirán os concelleiros neste mandato. Máis intenso foi o debate no punto referido aos cargos de confianza ao incluirse nese acordo o asesor solicitado polo BNG, un traballador ao servizo dos nacionalistas que responde segundo Javier Bas “a un pacto en base a intereses económicos e de colocación de afines a dedo”.
Nesta ocasión o BNG non se opuxo a que o PP tivera representación na Mancomunidade de Vigo, como si fixera no pleno de organización celebrado anteriormente, pero mantivo a súa petición de contar cun asesor ao seu servizo. Era, a priori, o punto máis polémico da sesión e que se debateu e votou conxuntamente co resto do persoal de confianza proposto polo goberno e que inclúe un coordinador de concelleiros cun salario anual de 27.000 euros brutos e unha persoa responsable de comunicación que cobrará o mesmo que o asesor do Bloque, cunha xornada parcial do 60% e 16.200 euros brutos.
O representante de AER xustificaba o seu voto a favor a “un acordo que non nos gusta, pero que temos que apoiar para poder contar cun goberno estable e de progreso”.
Pola súa banda, dende o BNG Xoán Carlos González insistía en que a demanda deste asesor “é algo que nos pide a cidadanía quen nos reclamaba contar cunha persoa do Bloque dentro do concello para atendelos en horario de mañá”.
Para o portavoz do PP, Javier Bas “o que se vai aprobar aquí é indigno, porque se vai incrementar o gasto de persoal subindo a masa salarial para os políticos e negándose ademais a reunirse co principal grupo da oposición”. Este pacto de goberno non vai en base aos intereses dos veciños “senón en base a colocación de persoal afín no concello”.
Criticou especialmente ao edil de AER que “no pleno anterior cualificou este acordo de inmoralidade e hoxe vai asinar esa inmoralidade”. Concluiu afimrando que “hai moitas formas de corrupción política, haberá que preguntarse se isto non é corrupción” e anunciou a posibilidade de “impugnar este acordo” que votaron en contra.
A voceira do PSOE, Rita Pérez criticaba as palabras de Bas “creo que se está equivocando cando fala de corrupción”.
En canto as retribucións dos políticos era tamén Rita Pérez a encargada de enumerar o acordo no que se establece, entre outras cuestións, que a alcaldesa percibirá 47.142 euros, dous concelleiros con dedicación exclusiva 32.400 euros e tres concelleiros con dedicación parcial 22.680 euros. Pola súa banda os voceiros dos grupos da oposición recibirán algo máis de nove mil euros anuais tamén brutos.
Neste punto foi especialmente crítico o voceiro do PP acusando a alcaldesa de que “tras anunciar que se ia baixar o seu soldo agora trae esta proposta na que figura un soldo superior ao mandato anterior”.
Contestaba a voceira do PSOE, Rita Perez, que “o soldo da alcaldesa so sube un 4% o que supón a metade de incremento que para o resto dos concelleiros”.
Unha proposta que volveu saír aprobada con votos dos grupos da investidura, mentres que o PP anunciaba tamén que valorarían a posibilidade de impugnar o acordo.