O concello de Redondela pon en marcha un intenso programa de roteiros e actividades vencelladas co medio ambiente que se van desenvolver ao longo do mes de agosto. Unha veintena de actividades entre as que se inclúen paseos polo litoral, saídas en bicicleta, rutas nocturnas e paseos en caiac así como propostas de turismo mariñeiro en colaboración con Amarturmar.Unha ruta en bicicleta pola Rede Natura de Cesantes hoxe martes e un roteiro nocturno polo río Maceiras o venres son as dúas propostas que poñen en marcha este programa.
“Un completo programa no que se traballa conxuntamente dende tres concellerías como son a de Medio Ambiente, Turismo e Sostibilidade” salientaba o edil Roberto Villar quen subliñaba a trasversalidade que a educación ambiental debe ter “cubrindo todas as áreas do goberno co obxecto de promover un turismo responsable ao tempo que dando a coñecer os recunchos e atrastivos turísticos do concello”.
As actividades arrancan hoxe mesmo cunha ruta en bicicleta que permitirá aos participantes coñecer a Rede natura de Cesantes. Xa o venres a proposta será nocturna cunha marcha dende o Salgueiral para percorrer o río Maceiras. Na fin de semana, tanto venres como sábado a colaboración entre concello e Amarturmar permitirán participar de dúas actividades de turismo mariñeiro como son a ruta do xeito e a ruta do marisqueo a pé cun prezo bonificado de 3 euros por persoa. Así o explicaba a responsable de turismo, Rita Pérez.
Paseos polo litoral en diferentes puntos do concello e rutas en caiac completan un programa no que tamén hai oco para a literatura. Concretamente para a “ciclobiblioteca contra o cambio climático” que este xoves día 3 regresa a Redondela con chegada prevista a vía verde de Chapela onde estará ata as doce do mediodía ofrecendo contacontos e xogos de carácter medioambiental pasando a continuación polo centro da vila ata chegar a Praia de Cesantes rematando o seu percorrido na praza de Santiago.
A edil de Medio Ambiente, Pilar Martínez destacaba tamén o carácter educacional destas actividades que buscan espertar unha conciencia medioambiental sobre todo entre os máis cativos.
Remataba Villar lembrando que as actividades precisan de inscrición previa na oficina de turismo, no teléfono 986 401713 ou no enderezo turismo@redondela.gal e agardando que as actividades que se van desenvolver ata finais de mes teñan o éxito das realizadas durante xullo.