Imaxe dun dos concertos da pasada edición do Berete Rock
A Asociación Berete Rock leva case un ano traballando na décima edición dunha das citas co rock máis importantes da bisbarra. O Berete Rock xa está aquí, cos últimos preparativos duns concertos que volverán ateigar o paseo de Cardona de público de todas as idades para gozar da mellor música. A cita será este sábado día 5 de agosto cos grupos Aphonnic, Keltoi!, The Lelli Kelly´s, The Soul Jacket e Monstrencos. Haberá un cambio con respecto ás edicións anteriores, que será a orientación do escenario “para mellorar a visibilidade e que a experiencia sexa mellor para os asistentes”, explica Anselmo Prada, un dos organizadores.
O ano pasado retomaron o festival logo do parón obrigado pola pandemia, e o resultado superou as expectativas dos organizadores “con moi boa resposta do público”. Confían en que esta décima edición sexa tamén un éxito. O certame está organizado pola Asociación Berete Rock xunto co Concello, a través do departamento de Cultura, e contan tamén coa colaboración dos comercios e empresas locais para un evento “que xa forma parte da vida estival de Chapela”.
O cartel promete, coa participación de Aphonnic, banda galega de metal alternativo procedente de Vigo que levan en activo máis de 20 anos; Keltoi! é una banda de street punk e Oi! formada en Vigo en 1995, que rexurdiron novamente con letras en galego; The Lelli kelly´s chega desde o Morrazo con versións onde mesturan rock’n’roll, punk e R&B; The Soul Jacket é unha banda de rock and roll clásico con cadencia rythm & blues e Monstrencos, banda viguesa, centra o seu repertorio en versións de clásicos do rock and roll tanto españois como estranxeiros, repasando temas desde Extremoduro ata U2, entre outros.