Hoxe é Venres 22 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Soutomaior multiplica por cinco os turistas atendidos na oficina de información

turismo Soutomaior

A Oficina de Turismo de Soutomaior, situada no Barrio da Feira de Arcade, atendeu a 843 persoas durante os seus primeiros 17 días de funcionamento. Este punto de información abriu o pasado mes de xullo na avda. Alfonso Rodríguez Castelao, onde o Camiño de Santiago portugués conecta con Soutomaior. A situación non é casual, xa que se trata dun punto estratéxico para milleiros de peregrinos que cada día chegan a Soutomaior camiño de Compostela.

Con respecto aos datos de xullo do ano pasado, a atención ao público aumentou nun 500%, a pesar de que a Oficina de Turismo só estivo aberta durante medio mes. Así, mentres nestes 17 días foron atendidas 843 persoas, en todo xullo de 2022 esa cifra alcanzou as 170 persoas. O dato de 2023 é incluso maior que o total de visitantes atendidos durante o período estival (de xullo a setembro) en 2022, cando foron atendidas neses tres meses 631 persoas.

Tal e como trasladan as técnicas de turismo contratadas polo Concello de Soutomaior para atender aos visitantes, o perfil maioritario das persoas que piden información sobre Soutomaior e a comarca son camiñantes que realizan a ruta xacobea portuguesa. Por lugar de procedencia, das 843 persoas atendidas ata o 31 de xullo, 639 eran nacionais, sobre todo orixinais de Galicia, Cataluña, Andalucía, Madrid e a Comunidade Valenciana. As 204 persoas restantes eran estranxeiras, principalmente de países como Portugal, Francia, Eslovaquia, México e Colombia.

O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, destacou o éxito de atención ao público nestes días “no punto de entrada do Camiño de Santiago en Soutomaior, por onde entran os peregrinos e por onde beneficiamos aos negocios locais”. Pola súa parte, a concelleira de Turismo, Silvia Cernadas, advirte que o obxectivo principal “é desenvolver unha estratexia xunto coas empresas locais do sector para que Soutomaior aproveite todo o seu potencial turístico e se converta nun referente na comarca”.

A Oficina de Turismo estará aberta de luns a domingo ata o vindeiro 30 de setembro, en horario de 10.00 a 14.00 horas e pola tarde de 16.30 a 20.30 horas.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará