Desde os grandes éxitos da historia do rock coa banda América de Vigo ata as Bandas de Música de Meaño e Redondela, pasando pola bachata do trío La Noche do Grove, os ritmos máis actuais en sesións de picadiscos ou o músico Brais das Hortas para o público infantil. Todo isto e moito máis nas festas de Quintela na honra de San Mamede e San Antón.
As festas de Quintela comezan esta noite co seu “Venres Eléctrico”. No recinto da Cuntural de Quintela actuará ás 22.00 La Patrulla e á media noite comezará o espectáculo de América de Vigo, a banda galega tributo a toda a historia do rock and roll, facendo un repaso dos grandes éxitos de todos os tempos. E ás 03.00 horas será a quenda da sesión de picadiscos co Dj Charlie.
Xa mañá sábado celebrarase unha marcha ciclista ás 10.00 horas, e logo terán lugar os actos relixiosos coa misa de San Antón e a procesión ás 12.30. Xa pola noite, no adro da igrexa, espectáculo musical co grupo Ritmo e o trío La Noche do Grove, que ofrece un variado repertorio con boleros, bachata, merengue e pop-rock.
O domingo a misa na honra de San Mamede será ás 12.00, cantada pola Coral Pedra Blanca de Cesantes e a procesión coa Banda Unión Musical de Meaño. O público infantil e familiar terá tamén un oco especial coa actuación do músico Brais das Hortas ás 19.30. Pola noite o espectáculo correrá a cargo do Grupo Arena Musical.
As actividades péchanse o luns, día de San Mamede, con misa ás 20.00 cantada pola coral da Sociedade Labrego Cultural de Reboreda e a procesión acompañada pola Banda Municipal de Redondela.