A alameda Castelaou acolleu onte o Faladoiro “Aquí faltan páxinas” dedicado a Ernestina Otero. A charla estivo presentada por Marián Fernández, do Cable Inglés, firma coa que a Deputación de Pontevedra desenvolve este programa dedicado a recuperar a historia de mulleres galegas pioneiras nos seus ámbitos. Manuel Puga Pereira, autor dunha biografía sobre Otero e cunha dilatada traxectoria no mundo farmacéutico e da cultura, foi o encargado do faladoiro xunto á xornalista Montse Fajardo.
A deputada provincial Isabel Couselo participou no faladoiro e subliñou a figura de Ernestina Otero, que “traballou apaixonadamente para renovar e mellorar a calidade do ensino e para estendelo a unha maior porcentaxe de poboación, especialmente entre as mulleres”. Tamén participaron no acto a concelleira de Cultura, Rita Pérez, e outros membros da corporación local. A historia da mestra está xa dispoñible na nova entrega do podcast mensual “Aquí faltan páxinas”, nas principais plataformas de streaming e no sitio web da institución provincial, onde tamén pode consultarse un roteiro virtual que inclúe os lugares da provincia claves na súa biografía.